A Asociación Álvaro das Casas xa conta con novos Bacelos de Prata. Nunha xuntanza celebrada no Pazo dos Ulloa en Esposende, Ribadavia, o xurado escolleu os proxectos premiados este ano. As distincións serán para Adega Pazo Lalón, da denominación de orixe Ribeiro, e a empresa de produtos lácteos Kalekoi, do municipio pontevedrés de Rodeiro. Os Bacelos de Prata entregaranse no pazo dos Ulloa o próximo día 5 de outubro.
Pazo de Lalón e Kalekoi son un exemplo para os organizadores dos premios Bacelos de Prata
Integrantes do Xurado dos premios Bacelos de Prata
A Adega Pazo Lalón está situada en Barro de Gomariz, Leiro, na provincia de Ourense, e dende 1992 elabora viños do Ribeiro empregando a máxima tecnoloxía e manténdose fieis a unha maneira de facer tradicional. Dende os seus inicios a lingua galega foi o seu sinal de identidade e garantía de orixe dun produto elaborado en Galicia coa máxima calidade. Os seus viños, Pazo Lalón e Eduardo Bravo, están elaborados con castes autóctonas como treixadura, albariño, loureira e torrontés e teñen presenza en tendas especializadas e restaurantes «levando o noso idioma con orgullo alí onde se comercializan», segundo se salienta dende a Asociación Álvaro das Casas. Resalta o xurado "a importancia da aposta que fan pola lingua galega que espallan tamén a través da publicidade, páxina web e redes sociais», segundo consta na acta da xuntanza.
Kalekoi, empresa constituída no ano 2014 no concello de Rodeiro (Pontevedra) coa vontade de revitalizar 40 hectáreas de terras familiares dedicadas ao pastoreo da gandería poñendo en marcha un proxecto innovador que puxera no mercado produtos elaborados co leite das súas vacas: iogurt natural, con froitas de temporada; mel; noces, figo, etc... e tamén kéfir e leite fresco.
A marca Kalekoi en 10 anos de existencia converteuse nun produto de referencia nos mercados pola súa calidade, pero tamén polo seu esmerado deseño que leva un sinal de identidade propio como é a lingua galega na súa etiquetaxe, páxina web; publicidade, etc., sendo comercializados en grandes superficies de alimentación. Considera o xurado que "a aposta que fan polo uso da lingua galega constitúe un feito positivo para o seu espallamento entre os consumidores".
O Xurado da XVI edición dos premios Bacelos de Prata, estivo formado por: D. Avelino Muleiro García, presidente da Asociación Álvaro das Casas; D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; D. Clodio González Pérez, etnógrafo; D. Xosé Carballido Presas, enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e coordinador da IRGADE (Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros); D. Cándido Vázquez Mosquera, propietario da Casa dos Ulloa; D. Celso Domínguez, colleiteiro e Dna. Carme Pérez Vaquero, secretaria da Asociación Álvaro das Casas.
Comentarios