In Memoriam de Xesús Mato

|

     Crego e musícólogo, home bo e xeneroso, don XESUS MATO era, de feito, unha institución, evanxélica, xenerosa e solidariamente acolledora sempre. Así o vin e sentín desque tiven a sorte de coñecelo na penúltima década do século XX. Legounos un fermoso ronsel na eido da cultura, da música, do labor social e tamén na dedicación radiofónica. Fóisenos, superados os noventa anos de vida, nas horas sinaladas pola conmemoración dos primeiros cen anos da RADIO, que tantos motivos ten para evocalo. Gloria haxa quen coma él tanto deu e acompañou sempre. Con todos os abrazos para os seus e, nomeadamente, para o amigo José Manuel Mato Díaz.

MORREU XESÚS MATO, CREADOR DE FUXAN OS VENTOS E AUXILIA, MEDALLA CASTELAO E FILLO PREDILECTO DE PARADELA

      Esta madrugada faleceu en Lugo Xesús Mato Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo predilecto do Concello de Paradela. Cumprira 91 anos o pasado outubro. Crego e musicólogo, desenvolveu un moi importante labor investigador e de recopilación de música tradicional galega, escribiu o poema "Fuxan os ventos", púxolle música e impulsou o grupo musical que logo levou ese nome e entrou na historia da música deste país, como despois tamén animou o nacemento do grupo "A Quenlla". Creou coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense.


      Foi crego en Lalín onde fundou a Polifónica e a emisora de radio. En Radio Popular de Lugo foi asesor relixioso, creador das misas en galego pola radio, e director de programas relixiosos e sociais. Colaborou en El Progreso, La Voz de Galicia e Galicia Digital con artigos de temas socio-relixiosos e sobre o Camiño de Santiago.


      Durante un cuarto de século atendeu parroquias da montaña lucense, onde recibiu unha homenaxe multitudinaria dos seus feligreses. Lucense do Ano, homenaxeado pola Cruz Vermella de Sarria e galardoado cos Premios María Castaña e Moncho Valcárce, o Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro e o seu concello natal, Paradela, nomeouno Fillo Predilecto. Obtivo a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de dúas mil cincocentas persoas e institucións. Máis dun cento de amigos participaron en cadanseu libro homenaxe cando cumpríu os 75 e os 90 anos de idade.


       A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre mañá, mércores, ás cinco da tarde, ata a igrexa de San Nicolás de Portomarín onde, á chegada, se celebrará o funeral e, a continuación, a conducción ao Ceminerio municipal para ser soterrado no panteón familiar.

Comentarios