​As realidades

|

CARNICERO 150

          Hai bastante tempo que a revolución tecnolóxica chegou a este país, aínda que caro lle costou aterrar. Voaba sobre nós cuns prezos abusivos e as persoas que non ían a Andorra, chegaban da Gran Bretaña cos aparellos desmontados, é dicer, en pezas. Falo dos anos 70 do século pasado.


          Paseniño viñeron as primeiras ofertas do que chamaban “Decomisos”, que en realidade non o eran, pois a cantidade de produtos electrónicos que se vendían superaba todas as provisións capturadas por impago de impostos nas alfándegas. Con todo, era unha boa marca publicitaria para dicer que vendían a baixo prezo. E algo sempre se aforraba.


            Esta realidade mudou cando o modelo produtivo pasou a ser global. Ante un mercado en expansión e unha produción que obrigaba a dar resposta a tal demanda, os prezos foron máis populares que elitistas. A sociedade accedeu ás novas tecnoloxías e a informática invadiu a nosa intimidade. Por desgraza algúns viron un negocio, no que tiña que ser unha axuda tecnolóxica. Estou a falar dos Bancos que gañan moitísimo diñeiro e en vez de crear postos de traballo, invirten en aplicacións móviles ou en Banca electrónica, para aforrar diñeiro. Iso xenera nas persoas maiores unha inquedanza moi grande, e esa realidade xa non hai quen a pare.


            Como consecuencia da nova situación social, na que as computadoras son canles administrativos de moitas solicitudes e xestións, as novas xerazóns xa naceron cun movil nas maus. A realidade pasou a ser virtual e os nenos e nenas, que precisan ter un referente familiar nas súas vidas, sofren unha confusión moi grande. Hoxe o seu referente é o último modelo de smartphone ou o mellor xogo da videoconsola. Cando as persoas xogan o seu diñeiro, poñen en xogo as súas vidas ou sofren un accidente na realidade virtual, acontecen consecuencias nas mentes de cada un deles, aínda que non son inmediatas. A realidade é moito máis noble que a realidade virtual. A realidade virtual fai que vivamos nunha nube e que na vida real cheguemos a arriscar o mesmo que na irreal, porque non somos capaces de diferenciar en cal delas estamos.


            Os novos tempos veñen da mau das novas tecnoloxías, por iso o ensino xa non é o de antes. Segue adiante o debate da suposta desaparición dos libros en papel, e o problema anda por outros camiños. A negación por parte de moitos profesores da necesidade de educar aos alunos nas tecnoloxías é un erro moi grande. Tan grande como deixar de escreber, redactar, sintetizar ou opinar. Pero a información que era hai poucos anos, inalcanzábel, resulta a día de hoxe, difícil de verificar. 


        Hoxe o problema está en manexala cunha metodología axeitada, cunha redacción coerente, para sacar conclusións independentes de calquera tendencia que nos queira encasillar ideolóxicamente. Os alunos queren viver unha realidade virtual, con xogos e máis xogos, porén a súa formación integral e inicial debe atender ás emocións, á conducta e aos valores humanos como o respeito á vida, a liberdade, o amor e a convivencia. As áreas instrumentais como as linguas e as matemáticas son competencias clave para que nesta vida saiban diferenciar o real do virtual. Aínda que entre esas dúas realidades existan outras como a subrealista, na que, posiblemente, moitos queren seguir na procura de ser felices, a invasión tecnolóxica mudou e segue mudando o noso mundo empresarial e social. Canto antes o interioricemos, moito mellor.

Comentarios