O novo Conselleiro de Educación

|

Carnicero

Nesta nova lexislatura de Feijoo, quizais a mais chea de incertidumes pola Covid-19, ven de mudar as consellerías de Sanidade e Educación. E do novo conselleiro de educación quero falarlles hoxe, pois comeza cunha herdanza que moitos quixeran rexeitar.


            Se comezamos polo principio observamos que, desde o equipo de traballo da Consellería de Educación, quixeron artellar un protocolo que estivese avalado por expertos en sanidade. E iso está moi ben. O que non foron capaces foi de chamar aos profesionais do ensino para ver se esas normas eran viables. A anterior conselleira non escoitou aos interlocutores sociais e tirou para adiante sen rumbo. Proba delo é que no Pleno do Consello Escolar de Galicia os sindicatos, os Movementos de Renovación Pedagóxica, Asociacións de nais e pais, o ensino concertado entre outros, afirmaron con rotundidade que ese protocolo non estaba consensuado.


            A convocatoria con carácter de urxencia do Consello Escolar de Galicia, á que asistiu tamén o conselleiro de Sanidade,  foi unha boa estratexia para tentar deixar aos sindicatos do ensino sós. Pero os ecos de folga no ensino xa resoaban nos ouvidos de todos, e o medo que xenera a suposta inseguridade nos centros, fixo que ninguén calara ante un conselleiro que traía un discurso triunfalista cheo de parabéns para os equipos directivos dos centros, e para o profesorado en xeral.


            Durante as 4 horas que durou o Pleno, o conselleiro non foi capaz de contestar a ningunha pregunta en concreto e fixo un esforzo por buscar puntos de coincidencia cos membros do consello. Era imposible contestar a todos, certo, pero seguimos sen saber se porá en marcha os mecanismos que até hoxe ten na súa man. Estou a referirme ás Comisións creadas no propio Consello, que hai anos que non queren que funcionen. Cando nunha parte do seu discurso Román pedía colaboración e axuda neste tempo de crise sanitaria, moitos non podiamos acreditar que desde o decembro de 2019 o consello non fose convocado. Desde os movementos de renovación pedagóxica se lles enviou unha carta ofrecendo colaboración, pero unha vez máis o vicepresidente fixo caso omiso.


            O conselleiro anunciou a creación dun comité de expertos para desenvolver temas tan complicados como revisar os curriculos. Haberá que esperar se siguen mudando protocolos por via de urxencia, ou fai uso dun Organo Colexiado de carácter consultivo que recolle o sentir da maioría da Comunidade Educativa. As cousas non se arranxan cunha carta enviada aos docentes, dando miles de parabéns e deixando caer nela un erro tipográfico, a modo de que  un conselleiro tamén é un ser humano con pequenos erros. Seguimos cheos de incógnitas e os mestres e profesores seguirán dando todo polos seus alumnos, polo que a Xunta só reaccionará con protestas e manifestacións públicas antes decisións unilaterais e con pouco sentidiño.    

Comentarios