O curso máis longo

|

Carnicero

          Cada ano que rematamos, facemos unha valoración global dos acontecementos vividos e subxectivamente afirmamos se foi un ano bo ou ruín. 


            Do mesmo xeito, ao final dun curso académico, cada estudante ou docente, empregando diferentes criterios, saca unha conclusión sobre os resultados obtidos. Por iso, ao final deste curso sabemos que o ano 2020 non ficará no esquecemento. Ao contrario do que algúns poidan pensar, este foi un ano tan longo en incertidumes e risco sanitario, que eclipsou a formación integral do alumno e os esforzos dos profesores para continuar as programacións anuais. Un curso que terá a súa prolongación no 1º trimestre do próximo, sen garantías de comunicación con moitas familias que carecen de medios telemáticos, para que os seus fillos non perdan o ritmo dos do seu mesmo grupo. E iso non se arranxa dun día para outro.


            Un curso atípico sempre é moi longo. A pesar de que as clases presenciais se suspendan, e iso pareza que os profesores deixen de traballar, nada ten que ver coa realidade e resulta ser todo o contrario. As programacións hai que adaptalas nun tempo “record” á nova situación, e as actividades sufren moitos cambios, cando non teñen que ser adiadas. Despois veñen as correccións dos traballos dos alumnos e para os docentes todo o traballo increméntase exponencialmente. No caso dos profesores con especialidades o panorama resulta aínda máis complexo; pois moitos deles teñen máis de 200 alumnos, e para as correcións non abonda con enviar as solucións dos exercicios. Se os medios telemáticos son bos, os envíos chegan en formato *.pdf despois dun simple escaneo. Poren, cando as familias non teñen posibilidades ou coñecementos de informática, sácanlle unha fotografía co móvil e isto complica o proceso ao termos que editar a foto e facer as correccións. En fin, unha odisea que fai que os docentes superen as 10 horas de traballo ao día para ter todo da mellor maneira posible. 


           Por esta razón este curso no que conxelamos o Centenario da revista NÓS, alongamos a celebración das Letras Galegas na figura emblemática e controvertida de Carvalho Calero, e no que non puidemos despedirnos dos alumnos/as que durante estes sete meses que asistiron ás nosas aulas, xa é un curso longo  que ficará nas nosas mentes por moitos anos. Pois segue petando forte a mal chamada “nova normalidade” ao estar chea de incógnitas, que nada teñen de normalidade e que seguen atacando sen piedade ás nosas vidas. Trátase dun microorganismo que para a súa subsistencia, depende de todos nós. E non quero nen lembrar o seu nome.

Comentarios