Homenaxe a Estravís

|

2679811

 Sabemos desde hai poucas semanas, que o lexicógrafo Isaac A. Estravís vai ser homenaxeado pola Deputación de Ourense, coa medalla de ouro da provincia, pola súa labor de recollida de palabras galegas, no único dicionario galego que os especialistas usan a diario, e que poucos docentes empregan nas súas aulas, De tendencia reintegracionista, Estravís non ten reparos en afirmar que o galego e o portugués son a mesma lingua. So muda a grafía. Por iso o agora homenaxeado, sufriu a persecución dalgúns políticos que estaban ao frente de importantes institucións. Con todo, Estravís logrou o seu obxectivo paseniño e con moita paciencia. A actual norma oficial do galego, pouco ten que ver coa creada polo Instituto da Lingua Galega e a RAG, aprobada o 3 de xullo de 1982. No ano 2003 fan unha profunda reforma das normas, vese un claro achegamento ao portugués e mesmo aos grupos reintegracionistas. Estos sempre estivenran moi divididos, poren o seu facer tivo moita sona coa creación da Associaçao Galega da Lingua AGAL, producindo un material interdisciplinar, lingüístico e científico de moita calidade.


            Por outra parte o oficialismo rodeouse de diñeiro e imposición. Os intentos de que o éxito da norma oficial fose amplamente aceitada, estivo condicionada pola dificuldade da súa aprendizaxe, esquecendo que nos mesmos lugares onde se salvou a lingua, era imposibel mudala. Esto é, nas aldeas. Todos os nenos e nenas galego falantes, suspendían galego e os extranxeiros sacaban moi boas calificacións. Os alumnos dicíanlle aos docentes “falas moi ben o galego da TVG”, e outras cousas semellantes aconteceron. Pasaron os anos e Estravís, cos seus, seguían na loita. Chegou a ser profesor titular de Universidade de Vigo, por Didáctica da lingua galega, sen haber ningún profesor de galego no seu tribunal. No outro lado, as normas ortográficas, capitaneadas polo asturiano Constantino García, esmorecían pouco a pouco, debido aos artificios lingüísticos e as traducións salvaxes que facían dos autores galegos, sen respeito nen razóns. Cousas do poder!


            Estravís é coñecido polo seu dicionario, pero poucos saben que en 1966 fixo a primeira tradución do libro dos Salmos ao galego. Daquela a igrexa de Roma só permitía traducións da Vulgata Latina. Logo mudaron e hoxe as traducións fanse desde os textos orixinais, mais antes estaba proibido. As numerosas publicacións de Isaac Estravís fan que este recoñecemento da Deputación teña sentido, e chegue a tempo. Pero non debéramos esquecer o máis importante, que é a súa labor coma docente. Nestes anos puiden ler textos de alumnos de Estravís e todos destacan a súa proximidade con eles. Demasiadas veces pensamos que a autoridade vai xunto co posto de traballo de profesor, e todo é moito máis complexo. Estravís é dos poucos que nunca suspendeu a un alumno, sen regalarlle nada de nada. A clave está en que gañounos a todos pola sua forma de dar a aulas, e iso xenerou un respeito que acabou acadando unha autoridade sen esforzo.


            Outras homenaxes dedicadas a Estravís xa tiveron lugar na Galiza. O 21 de setembro de 2019, rodeado de amigos e amigas, en Meira, perto do Pedregal de Irimia, recebeu unha fermosa escultura de pedra. O 26 de outubro do mesmo ano, tivo lugar unha homenaxe na “Eira de Xoana”  ( Ramil), na provincia de Lugo. Outras homenaxes veñen de camiño, e en todas elas está presente, no ambiente, a memoria da súa compañeira Manuela Ribeira Cascudo (finada no 2017) que permitiu que Estravís mostrase a sua faciana máis fermosa: dar todo por amor. Durante os longos meses de enfermidade da sua querida compañeira, non faltou nen un intre para coidala. É por iso, que esta homenaxe na Deputación de Ourense, ademáis de receber a medalla de ouro da Provincia, moitas emocións encherán o seu corazón. 


            Desde este pequeno espazo que me brinda a Revista de de Vinhos e Caminhos vaian os meus parabéns ao meu irmao, amigo de amigos e profesor exemplar.

Comentarios