Laias (Cenlle), acolle mañá venres e o sábado unhas xornadas sobre as indicacións terapéuticas da balneoterapia

|

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Laias (Cenlle), acolle mañá venres e o sábado unhas xornadas sobre as indicacións terapéuticas da balneoterapia. 


Laias1 (2)

Laias3Laias2

Instalacions exteriores e interiores do Balneario de Laias, en Cenlle (Ourense)


Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor das augas mineromedicinais para abordar determinados procesos crónicos e favorecer o benestar dos usuarios.


Doctora marcos

A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Salienta que “a balneoterapia é capaz de influír na saúde dos enfermos crónicos, reducindo os episodios de dor e contribuíndo ao seu benestar xeral. Proporciona calidade na mobilidade de pacientes con reumatismos, ao tempo que diminúen as crises agudas. E, en consecuencia, redúcese en boa medida a inxesta de fármacos, os ingresos hospitalarios e o absentismo laboral, tanto en pacientes reumáticos como en pacientes con EPOC (enfermidade pulmonar obstrutiva crónica)”. A doutora Indica que a balneoterapia debe, pois, ser considerada dentro da Medicina como “unha ferramenta terapéutica máis, cun valor fundamental de cara a mellorar a calidade de vida dos enfermos crónicos”.



  • Cada tipo de auga ten características particulares para tratar doenzas concretas



A doutora sinala que as augas mineromedicinais gozan dunhas propiedades físicas e químicas que as dotan de propiedades terapéuticas. “Cada tipo de auga posúe unhas características particulares para tratar doenzas concretas". Tamén inflúe a temperatura á que aflora a auga e as técnicas que emprega cada centro termal (auga de bebida, inhalacións, baños, piscinas, tanquetas…). Os expertos afirman que tamén repercute a profundidade da inmersión do paciente na auga, que será diferente segundo se queira tratar un problema respiratorio ou do aparato circulatorio, por exemplo.


As xornadas comezan mañá venres ás 16:30 horas. O doutor Tomás Marchena abordará o tratamento farmacolóxico da dor crónica. Logo a doutora Fernández Marcos achegarase ao tratamento balneoterápico nos pacientes con dor crónica. O resto da tarde os estudantes realizarán prácticas no balneario co fin de coñecer as técnicas de balneación máis relevantes, da man do fisioterapeuta do centro Kamil Brezenzski.


O sábado o doutor José Miguel González Lemos explicaralles aos futuros médicos as principais demandas dos pacientes con dor. De seguido o fisioterapeuta do centro indicaralles a importancia da fisioterapia no tratamento da dor crónica, xunto cunha sesión práctica nas piscinas termais. Pola tarde haberá un coloquio, co que concluirá a xornada.

Comentarios