27 de outubro

As Camiñadas de APECSA visitan Valdeorras este sábado para celebrar 25 anos do Xacobeo 93

|

Barco de Baldeorras ourense

Panorámica da localidade ourensá do Barco de Valdeorras


A comarca de Valdeorras e os seus Camiños cara a Compostela serán o escenario este sábado, 27 de outubro, dunha nova edición das Camiñadas coas que a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) conmemora o 25 aniversario do Xacobeo 93 e da declaración da Ruta Xacobea como Patrimonio Mundial. Os participantes percorrerán unha ruta de sete quilómetros coñecendo tramos históricos do Camiño. A asistencia á Camiñada é libre e gratuíta. 


O percorrido comezará ás 10.15 horas no aparcadoiro final do Paseo do Malecón do Barco (cruce das rúas Ourense, Coruña e Barco de Ávila) e rematará a mediodía coa chegada do grupo a Vilamartín de Valdeorras, ao albergue situado na zona do Bañadoiro. 


Para coñecer o significado histórico e artístico e as pegadas xacobeas do visitado, acompañará ao grupo o experto José Rúa Pérez. Desde o Malecón do Barco o grupo camiñará a carón do río Sil, deténdose na capela románica de A Proba (século XII). Contra as 12.30 está prevista a súa chegada a Vilamartín de Valdeorras, onde o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, mostrará aos asistentes o remodelado albergue de peregrinos. 


A Camiñada, na que colabora a Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, rematará cun xantar‐conversa no restaurante Peyma, en A Rúa. Se ben a participación na ruta é gratuíta, o xantar corre pola conta de cada comensal e é preciso confirmar asistencia no correo periodistas.caminodesantiago@gmail.com. Ao remate un bus devolverá a O Barco aos camiñantes que o desexen. 


Esta é a cuarta de nove Camiñadas coas que APECSA celebra os 25 anos do decisivo Xacobeo 93 e da declaración das Rutas Xacobeas como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A Xunta de Galicia apoia estes “Días de Andar”, que proseguirán visitando tramos dos Camiños de Santiago en Sarria e Portomarín (3/11), Valga e Padrón (10/11), Fisterra (17/10), Chantada (24/11) e A Coruña (1/12).

Comentarios