en máis de corenta concellos

'Nadal en Rede’ pecha a sexta edición co mellor lecer na nosa lingua

|

O programa de dinamización lingüística 'Nadal en Rede' pechou esta semana a que foi a súa sexta edición logo de levar o mellor lecer na nosa lingua a máis de 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta. 


María do Ceo, Os Bolechas, Inácio Vilariño de Fantoches Baj, Uxía e Sérgio Tannus, e mais Senén Vaamonde acompañado de de Alfredo e Manuel da Roda foron os encargados de percorrer a xeografía galega con paradas en 41 localidades.


O programa ‘Nadal en Rede’ naceu hai seis anos cun obxectivo claro: proporcionar espazos para o lecer en familia e en galego. A música, os monicreques ou o teatro foron parte fundamental dunhas actividades avaladas polo destacado perfil dos profesionais que participan nelas. Desde a secretaría xeral trabállase para que, a través da RDL, os espectáculos saian dos lugares máis habituais (cidades e vilas grandes) e cheguen tamén ás diferentes comarcas do país.


Cancións para nenas e nenos


A cantante mítica, a galegoportuguesa Maria do Ceo, participou tamén no ‘Nadal en Rede’ co concerto Cancións para nenas e nenos, no que interpretou os temas do seu primeiro traballo, homónimo, de música infantil. Este incluíu un tema dedicado á Galiña azul de Carlos Casares, co que estivo en Ribeira, Cerceda, Castro de Rei e Tui.


MaradoCeoparanenosenenas2

María do Ceo acompañada de José Salgado y Alex Salgado


“Era a miña primeira vez neste programa e a experiencia foi marabillosa. Foron momentos moi emocionantes nos que demostramos que a música non entende de idades e que pode conectar perfectamente a pais, avós e netos”, afirma Maria do Ceo ao respecto do seu paso polo ‘Nadal en Rede’.


Os Bolechas. Un conto de Nadal


Os Bolechas son de seguro os personaxes máis célebres entre a rapazada galega. Un ano máis tomaron parte no ‘Nadal en Rede’, desta vez coa proposta Un conto de Nadal, unha peza teatral con actores e cos muppets da Televisión de Galicia. A historia xiraba en torno a unha brincadeira que lle fan Kofi e Sarela aos Bolechas sobre a desaparición dun camelo cargado de xoguetes que porá en perigo a noite de Reis, a máis máxica do ano para a cativada. Coa actividade percorreron os concellos de Vilalba, Xinzo, Poio, Ames, Muros, Viveiro, O Carballiño e Sarria.


OsBolechasUncontodeNadal2

Os Bolechas 


Desde Bolanda Edicións, empresa que xestiona as actividades dos Bolechas, subliñan que propostas como as do ‘Nadal en Rede’ son de grande importancia xa que “permite ofrecer espectáculos de gran calidade de xeito gratuíto ás nenas e nenos de toda Galicia”. A respecto da proposta Un conto de Nadal lembran, tamén, que en practicamente todos os espectáculos se esgotaron as entradas.


OcastineiroAlta31

O castiñeiro do Apalpador


Na programación de Nadal non podía faltar o carboeiro máis célebre do Nadal galego. Así Fantoches Baj foron os encargados de poñer en escena a peza de monicreques O castiñeiro do Apalpador, unha obra dirixida a público de máis de 3 anos na que o propio Apalpador lle contou ao público asistente por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal. Despois de pasar polos concellos do Val do Dubra, Pontedeume, Guitiriz, Ferrol, O Rosal, San Cristovo de Cea, Toén, Cambados e O Bolo, Inácio Vilariño (alma máter de Fantoches Baj) sinalou a importancia de achegar a tradición do Apalpador ás familias e como ano a ano esta se vai consolidando.


Nadal Novoneyra


A irrepetible voz de Uxía e a poesía de Uxío Novoneyra xuntáronse nunha actividade que levou por nome ‘Nadal Novoneyra’, un concerto no que a coñecida cantante interpretou os textos do poeta do Courel acompañada polo músico Sérgio Tannus. A cantora lembraba a importancia dun espectáculo que “nos permitiu a proximidade co público e unha intimidade co poeta do Courel, Uxío. Como se el presidise cada encontro. Invocamos a chuvia coas mans, tocamos todas e todos percusións e sentimos perto os soutos, a casa do poeta, o Courel todo en Cospeito, Neda, Burela, Brión e Coristanco. Unha experiencia ben fermosa no Nadal.”


UxiaeTannusNadalNovoneyraNadalenRede2

Uxia y Tannus


PicarinnonaBola1

Picariño


Polas localidades de Fene, Muxía, Riós, Barreiros, Carballedo, Cuntis, Gondomar, A Lama, Vilaboa, Maside e A Bola pasou a actividade Picariño: un concerto didáctico que chegou da man de Senén Vaamonde e de Alfredo e Manuel, músicos da formación A Roda. Eles levaron panxoliñas e outros poemas de Pura e Dora Vázquez.


O propio Senén Vaamonde explicaba que a experiencia foi moi positiva “é incrible que pronto se rompe o xeo e como a xente miúda e a que non é tanto participa da actividade”. 


A este respecto lembra a actividade de Muxía onde, a pesar dun forte temporal, acudiron máis de sesenta persoas ao concerto.




 


Comentarios