Falar de Valentín Lamas Carvajal segue a ser un reto importante nunha morea de incógnitas por descifrar. Se cada home ou muller é unha peza única, Lamas Carvajal destaca pola cantidade de cualidades que nel conflúen, polo esquecemento que sufriu no andar dos tempos e pola fermosura poética da que somos herdeiros. A novas xerazóns deben saber que dedicou a súa vida á lingua, a Galiza e á súa querida cidade de Ourense.
A casa onde naceu Valentín Lamas Carvajal o día primeiro do mes de novembro de 1849 ás once da noite, estaba na rúa de San Cosme, nº 27 que hoxe é Hernán Cortés desde o acordado no Concello de Ourense en sesión plenaria o 15 de marzo de 1850 para mudar o rueiro. Ao mesmo tempo é coincidencia que o día 3 de marzo de 1850 se constitúa a Sociedade Recreo de Artesanos de Ourense ( hoxe “Liceo de Ourense”) na Rúa de Obra nº 14, que en poucos días pasaría a ser a rúa Lepanto. Esto significa que 122 días despois de nacer Valentín Lamas Carvajal, e a 700 ms. escasos da súa casa natal, constitúese a sociedade cultural do Liceo, con outro nome, e bota a andar até a actualidade.
Valentín colaboraba nas actividades culturais que se facían no Liceo. Temos dous poemas no seu libro “ Desde la Reja” que titula “ A la sección de declamación y canto del Liceo- Recreo” e “ A la sección lírico- dramática del Liceo- Recreo” que trata da función benéfica a favor dos feridos na guerra no Norte ( terceira guerra Carlista en Cantabria e Heuskal Herria). Pouco despois faise socio do Liceo de Ourense, o día 6 de marzo de 1876, cando xa tiña 27 anos e había dous anos que perdera a visión. A súa enfermidade que afectará ao seu carácter para relacionarse incluso cos mellores amigos, fai que descoñezamos se Lamas Carvajal chegou a alcanzar a categoría de socio de número. Pasados algúns meses do seu enterro, non hai actas do Liceo que o mencionen. Este feito resulta desconcertante porque eran habituais as homenaxes e as mencións de persoeiros ilustres da sociedade liceísta.
A primeira homenaxe a Lamas Carvajal coñecida e documentada foi iniciativa da “Hirmandade d´os Amigos d´a Fala”, baixo a batuta de Xavier Prado “Lameiro” e Hixinio Ameixeiras. Este grupo lanzará a terceira época do xornal “O Tío Marcos d’a Portela” pero no seu primeiro acto público celebrado o día 1 de novembro de 1916, ás catro da tarde, ofrecen unha coroa na tumba monumental que garda ao poeta e periodista ourensán no campo-santo. O Liceo Recreo de Artesanos tamén participa na ofrenda floral enviando os seus representantes. A crónica di que o acto foi multitudinario e cheo de simpatía. A familia de Lamas Carvajal ( dous fillos políticos) agradeceron aos organizadores e participantes o acto de honra a favor do seu familiar.
Outra das efemérides importantes é a data escollida para inaugurar un monumento dedicado ao poeta Lamas Carvajal (en realidade tratábase dun busto feito por Daniel Piñeiro). Foi o 31 de maio de 1918, no que tamén estivo moi implicado o Liceo.
Nas actas do Liceo non aparecen referencias da nova dinámica cultural do réxime franquista, e así chegamos á data de 1949, centenario do nacemento de Lamas Carvajal. O Liceo pasa a ser un refuxio para alguns intelectuais como Otero Pedrayo, que fora restituido ao seu posto de traballo desde setembro de 1948. Pasado o periodo da postguerra, o réxime deixa unha pequena xanela entreaberta á cultura galega. O control era total pero tiña que parecer que había liberdade. E para iso a Comisión “Pro Centenario de Valentín Lamas Carvajal” ten unha xuntanza no Liceo de Ourense.
Houbo varias reunións e incluiron na Comisión oficial ao Alcalde de Ourense, Eduardo Valencia, ao Vicepresidente da Deputación, Arturo Pérez Serantes, ademais de familiares de Lamas Carvajal e aos presidentes de sociedades como: El Club, a Cámara de Comercio e o propio Liceo.
Seguindo o modelo da homenaxe do ano 1918, pediuse a colaboración ou adhesións de particulares e de Centros Galegos no exilio, facendoo cun chamamento de difícil interpretación. Tanto foi así que só contestaron o Centro Galego de Buenos Aires e a Unión Orensana da Habana, enviando doacións de 1.000 pts e 5.735 pts respectivamente. O Liceo tamén fixo a súa aportación económica, xunto co Concello, Deputación e outros organismos anteriormente citados.
As actividades foron moi variadas. Encargouse un monumento a Antonio Failde Gago, que sustituía o busto de Lamas creado por Daniel Piñeiro en 1918. Celebrouse un Certame literario e o 11 de novembro de 1949 no teatro Avenida entregáronse os premios. O Xurado dos premios literario e historico estaba formado por: Juan Saco, Cuevillas, Vicente Risco, Ferro Couselo, Joaquin Saura e Alfonso Vázquez Martínez. Había outro xurado para oss traballos xornalísticos formado por Isidoro Guede, Julio Gimeno e Alejandro L. Outeiriño.
A Otero Pedrayo reservárono para a inauguración do Novo Monumento no Posío e falou en galego, o que provocou unha reacción hostil por parte das autoridades presentes, obrigando o gobernador Vicente Muñoz a que a Banda Municipal tocase o “ Cara al Sol”. Ese incidente coñecido, non foi máis que unha saída de tono ao ter que escoitar a fala galega.
No Liceo celebrouse o día 08/11/1949 unha conferencia de Celso Emilio Ferreiro, presentado por Vicente Risco. Os días 9 e 10 falarán José Luis López Cid e Dionisio Gamallo Fierros con el tema “ La gaita y el gaitero en la poesía de Lamas Carvajal”. Tamén no Liceo tivo lugar unha exposición montada no Claustro sobre a historia do libro en Ourense. Deste modo os galeguista asoman a cabeza rodeados de persoas que valoran o seu fazer. Din as crónicas que as cantigas dos Enxebres da Troya cos seus cantos, alalás e muiñeiras foron moi aplaudidos e expresaban o entusiasmo das xentes.
Estamos nos últimos tempos do Franquismo. A sociedade do Liceo xa non é a mesma que en 1950. Deste modo, a homenaxe a Lamas Carvajal en Ourense vai ser un pulso entre un poder cultural plural e un poder político que amosa sen querelo, moitos síntomas de agotamento. Na programación dos actos oficiais ao poeta non está o Liceo, pero ten máis interés outros actos culturais celebrados ese día no Liceo de Ourense, que cede os seus salóns para que xunto coa agrupación cultural “Auriense” e “Breogán” se celebre unha velada literaria. Así, ás oito e media da tarde deu comezo un acto no que se recitou a Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro. Esta iniciativa foi planificada por Celia Ramos, Flory Peliquín, Laura Janeiro, José Manuel Parada e Francisco Romero Casal, membros do grupo de teatro da asociación cultural “Breogán”. Despois falou Eduardo Blanco Amor. Comeza criticando a prensa por non reflectir con fidelidade o tratamento da figura de Lamas Carvajal e continúa reivindicando a importancia da emigración na recuperación da memoria de Rosalía e doutros intelectuais, incluíndo ao propio Lamas. Blanco Amor fixo importantes aportacións neste sentido no exilio. Finalmente diríxese aos máis novos alí presentes. Blanco Amor sabe que eles formarán a sociedade do futuro, neses novos tempos que xa son o que eran. Non pode desaproveitar unha oportunidade de ouro na homenaxe a Lamas Carvajal, un intelectual que no seu tempo tivo valor para defender os máis débiles, os máis pobres e os máis maltrados.
Conclusión
O Liceo de Ourense e Valentín Lamas Carvajal tiveron unha proximidade que excede á importancia da súa permanencia ou cese, como socio liceísta. A confluencia cultural, en todas as etapas do Liceo de Ourense, é indiscutible e Lamas, preocupado da súa loita preagrarista buscou formas, lugares e estratexias para loitar e levar adiante a defensa dos dereitos dos labregos. Reivindicou a xustiza e a convivencia social. Gabou a terra e as costumes. Respeitou a espiritualidade pero denuciou os excesos e a esclavitude das xentes. Cumpriu con fidelidade os principios marcados polo Liceo. Por esa razón o Liceo de Ourense sempre estivo presente nas homenaxes a Lamas Carvajal e continúa homenaxeando a súa persoa e o seu legado espiritual.
As imaxes mostran o éxito do roteiro de Valentín Lamas Carvajal realizado o sábado 07/02/2026, no 150 aniversario do TIO MARCOS DA PORTELA, Primiero xornal íntegramente en galego, dirixido por Lamas Carvajal. O roteiro finalizou no Liceo de Ourense. José Luis Fdez Carnicero deu a benvida aos asistentes destacando a igualdade das persoas que forman esta sociedade cultural. No salón noble a coral De Ruada afreceu un concerto de música galega. Un colofón escepcional que moitos coroaron cun excelente xantar: Un cocido.
A Coral de Ruada, durante o seu concerto homenaxe a Valentín Lamas Carvajal
Comentarios