O sábado 25 de outubro, ás 12 horas, levarase a cabo o acto de entrega do Veliano de Honra a Xosé Luis Méndez Ferrín, no auditorio municipal de Cartelle, sito en Outomuro.
Xosé Luis Méndez Ferrín, (foto: Adiante)
Intervirán Jaime Sousa, alcalde de Cartelle e Presidente da Mancomunidade de Celanova; Carmen Leyte Coello, presidenta da Fundación Carlos Velo; Antonio Piñeiro que lerá a Laudatio e as Pandereteiras do Forrollo. A peza de bronce do Veliano, é obra do escultor ourensan Acisclo Manzano. Proxectarase unha curta da produción de Carlos Velo do ano 1954 e ao remate haberá un viño galego.
A Fundación Carlos Velo, garante da memoria, do legado e máis do espírito do intelectual e cineasta Carlos Velo (Cartelle, Ourense, 1909 – Cidadede México, 1988), instituíu o Veliano de Honra para recoñecer a aquelas persoas que comparten querencia e respecto polo persoeiro, e mesmo formaron parte da súa propia memoria profesional nos espectros da docencia, do servizo público e na profesión audiovisual, engadindo a quen, desde a investigación, aporta reflexión e nova luz ao redor do seu multidisciplinar labor.
É por iso que a Fundación Carlos Velo acordou conceder o Veliano de Honra a Xosé Luis Méndez Ferrín, por unanimidade, na xuntanza celebrada polo padroado da Fundación Carlos Velo o 28 de decembro do 2024 en Cartelle. O distinguido pasa a ser unha das nosas cualificadas garantes das esencias velianas e custodia da súa memoria na Terra que alumeou ao noso patrón.
Comentarios