​No VI Foro Carlos Velo

|

CARNICERO 200 (2)

     Este ano 2025 estamos disfrutando do VI Foro Carlos Velo organizado pola Fundación que leva o mesmo nome do fabuloso e inolvidabel cineasta galego exiliado en México. Aínda que cada vez é máis coñecido entre a xente nova, Carlos Velo é un Puzo sen fondo de onde poderemos aprender sempre. Ademáis neste Foro, Carlos Velo fala da súa obra cunha obxetividade que sorprende. Dos éxitos e dos tropezos, dos amigos e das tradicións, da sociedade e da súa realidade proxectada no tempo. Cun grado de xenerosidade difícil de cuantificar, os seus comentarios sobre os seus films poñen en valor as vidas das persoas sen ocultar a ideoloxía que lle obrigou a deixar a súa terra.



     Un exemplo é cando conta que a súa formación no Instituto Libre da Ensinanza estaba afastada, entre outros temas, de conversas sobre o mundo dos toros. Carlos Velo, xa exiliado, coñece a vida dun torero, Luis Procuna, e anteponse a calquera prexuízo  para contar nun documental a carreira vital deste home. Estou case seguro que pensou “hai que contar a vida deste torero” Dirixiuno en 1956 e segue a ser o mellor film deste xénero. Un referente para os cineastas mexicanos e os de todo o mundo.


     Pero neste Foro, Carlos Velo non deixa de falar: dos centros de produción de cortametraxe que promoveu e dirixiu, dos amigos como Luís Buñuel e tamén das malas experiencias coa crítica co film ”Pedro Páramo”. Con todo, quero destacar un relato da cortametraxe que estaba fora de programa, titulada: El Tuerto. Dirixido por Benito Alazraki, forma parte de “Raíces”, do que neste caso Carlos Velo é o guionista. A historia é tan cruel como posibel. O papel da educación das familias e a realidade social está moi presente neste pequeno film e non deixa a ninguén sen motivo para pensar nunha dimensión inmanente e transcendente ao mesmo tempo. A película reflicte a miseria espiritual e o acoso ao que os máis débiles estaban e continúan a ser sometidos. Ambientada na península do Yucatán o protagonista é un deses nenos maltratados polos compañeiros; por ser torto dun ollo. Os nenos mallan nel e chámanlle: torto, torto.


     A súa nai ten que fazer algo e lévao xunto a un curandeiro, que lle dá unhas follas para pór no ollo. O neno acredita na súa nai e a nai acredita no farsante que lle leva o pouco diñeiro que ten. De volta á escola, o neno cre que sanou e volven fazer burla del regresando para a casa cheo de golpes. O film remata cando nunha procesión dos reis magos o neno ofrécese para poder curar. Esa fe era cega e fundamentada nunhas imáxenes sen poder de sanación e nun accidente cuns foguetes o neno perde o único ollo polo que podía ver. Esa fe cega e sen fundamento vence o verdadeiro problema oculto: o acoso dos demais. Tanto a nai como o neno están convencidos de que se produciu unha milagre sen precedentes. Ninguén vai acosar a un cego. O problema estaba solucionado! Na actualidade toda a sociedade ten que loitar contra os enganos das redes sociais, e os acosadores procuran pasar sen ser identificados. Esto fai que ás vítimas estén moito máis expostas a sofrir sen saber como poder defenderse. Carlos Velo quixo mostrarnos un problema que sigue sen unha solución trivial. Pero moito peor sería  mirar para outro lado.



Comentarios