Para os que nunca pisaron as terras galegas, case sempre, as terras do interior, quedan para outra ocasión. Pero aos propios galegos sen mar, caro lles custa descubrir e disfrutar todas as posibilidades que ofrece a nosa paisaxe. As xentes do interior teñen un toque especial a terra e monte. As fragas, carballeiras, soutos, as lendas e as tradicións fan deles unhas persoas cun carácter moi especial. De primeiro desconfiados, pero cun corazón hospitalario e sinceiro. É por iso, que sen moita planificación, tomamos camiño de Maceda. Atravesando o val da Rabeda e pola antiga estrada, agora chamada OU101. Pasamos Solbeira, Siabal, Rioseco, O Paiseo, Lamas, A Piúca, O Souto, Sarreaus, A Eirexa e Maceda. Como están en obras, continuamos pola OU103 e ao chegar a Foncuberta tomamos o camiño da Tioira ( parada necesaria para ver o cruceiro); para continuar até Barxela.
Camiño da Cibdá de Armea, entre carballos
As corredoiras son fermosas ao estar rodeadas de carballos que adornan a estrada. Os eidos son grandes e a herba está recén recollida en mollos redondos que eles chaman Rulos. Nas imáxenes podemos ver os Rulos en Barxela e ao fondo a Serra de San Mamede e o pobo de Escuadro. Descansamos un pouco en varias fincas, á sombra das árbores, e topamos unha pedra de seixo. Esas pedras que batendo entre elas fan chispa. Observamos con quietude, moitas vacas pacendo. Algún cuxo pegado á súa nai, segundo nos din, hai un día que naceu.
Rulos en Barxela e ao fondo a Serra de San Mamede e o pobo de Escuadro (foto: Andrés González)
De regreso a Maceda xantamos na Teixeira e María trátanos como se foramos da casa; de toda a vida. Observo que alí non hai diferenzas e o servizo non pode ser mellor. Con Andrés e José Manuel non deixamos de aprender cousas da Galiza rural. A mesma que decimos que nos interesa e non deixamos de maltratar e desprezar! Falamos de moitas cousas e Antón Alonso e quen lles escrebe só podemos escoitar e comprobar que as teorías económicas e os experimentos sociais, sen traballar as terras, ou coidar o gando, sen vivir na aldea, son contos para enredar e perder o tempo. Iso si, aqueles que poden perdelo e sacar tallada. Xa me entenden!
Basílica incacabada da Ascensión iniciada no século XIII
Pola tardiña de volta a Ourense, pasamos o polígono de San Cibrao e desviámonos a Taboadela, camiño de Santa Mariña de Augas Santas ás excavacións de Armea.
Isaac A. Estravis, mostranos a Cibdá romana de Aramea
Cada ano máis avanzadas polos estudantes da Universidade de Vigo, este castro romano segue a ser descoñecido por moitos. Lemos a lenda da santiña e disfrutamos das explicacións e dun pequeño paseo co lexicógrafo Isaac A. Estraviz ( pois ten a súa morada moi perto), e segue a ser un extraordinario anfitrión. Por fin chegamos á vella Auria, completando un día especial de amizade entre amigos.
Piouca, Carballo y Lagar, ainda qu a lenda conta que foi quí donde Matiña se refresca despois de conseguir fuxir do forno
O Ourense interior é unha ruta fermosa chea de sorpresas, chea de lingua e amor pola terra. Porque ademáis de excelentes viños, tamén temos camiños para andar e gozar.
Isaac A. Estraviz e Xosé Luis Carnicero, autor do artigo
Comentarios