Xa hai algúns anos que coñezo a Nuria Lago e en cada exposición podemos descubrir novos elementos que nos enchen de curiosidade. Seguindo as súas palabras “Vivo a arte coma un proceso de investigación permanente..”,
podemos encontrar receptividade ademais de moitas emocións e sensacións. Para a artista cada espazo, situación e cada persoa e unha viaxe continua cara o descubrimento dun novo universo vital. Para ela, a arte constitúe un instrumento de maduración persoal e de recoñecemento das posibilidades que permiten conectar o seu espíritu co medio que a envolve e as circunstancias que a acompañan. Una saída a tantas cargas e problemas diarios había que plasmala na arte, que potencia en nós os valores que aínda existen nas persoas.
Nuria Lago, percorrendo cada unha das obras expostas
Na inauguración houbo tempo para parabenizar á Comisaria da Exposición, Alexandra R. Rey polo seu traballo e profesionalidade, ademais de dedicar agradecementos ao Centro Cultural da Deputación de Ourense ( representada polo Vicepresidente primeiro D. Rosendo L.Fernández e o seu director Francisco González), a familiares e amigos. A artista tivo a iniciativa de fazer de guía de excepción por parte da obras expostas, para acabar visualizando un video con música de Puccini.
(de Izq.-dta.) Alexandra R. Rey, Nuria Lago, Francisco González e Rosendo L.Fernández
Nuria non permite que existan barreiras psicolóxicas entre o interior e o exterior. Bate forte neses muros etéreos que marxinan e separan. A estimulación sensorial para o espectador e para a artista potencia a atención para ser capaces de ver algo, onde semella non haber nada. A esencia da súa obra, despois de transitar pola pintura figurativa, deambula polas corredoiras do expresionismo abstracto, sendo quen de mergullarse en temas tan actuais como a capacidade de sobrevivir na adversidade. Por iso xurde o proxecto “Arquitecturas” no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde inclúe instalacións de video, esculturas e obras pictóricas nas que xustifica a necesidade vital desde una cosmovisión fundamentada na esperanza, na renovación e reconstrucción do ser humano.
(de Izq.-dta.) José Luis Fdez, Carnicero, Marcel, Nuria Lago e Antón Alonso
Despois de dúas décadas en exposicións conxuntas e individuais en moitos lugares, (na Fundación Vicente Risco e tamén no Liceo de Ourense) a artista non se conforma a unha técnica única, senón que sigue buscando novas posibilidades con instalacións, esculturas e pezas grandes, moi impactantes. Isto non deixa de chamar a atención a todos os que seguimos as súas obras. Porque en definitiva, a expresión do interior emana do corazón e ultrapasa prexuizos e estereotipos que nos bloquean e impiden que desenvolvamos a resiliencia que nos caracteriza. Que agora é máis necesaria que nunca, para tomar novas forzas e superar obstáculos que non nos permiten medrar. Este proxecto foi diseñado para o Centro Cultural e para o espazo que ocupa por iso é unha fermosura disfrutalo no contexto que foi concebido.
Decía Soren Kierkegaard “Lo que me hace grande no es lo que me sucede, sino lo que hago con ello” e Nuria acaba de darnos unha exposición que nos conduce á reflexión e a acción.
Dedico este artigo a Marcel, compañeiro e colaborador incansábel de Nuria Lago
Escribe tu comentario