A Academia Galega de Ciencias abre o curso cunha conferencia sobre intelixencia artificial de Senén Barro

|

       A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde o acto de apertura do seu curso académico 2023, no compostelán Pazo de San Roque. Ao evento asistiu o presidente da institución, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa, Inmaculada Fernández; Daniel Castro, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas.


Grupo


       Juan Lema lembrou que “a vindeira semana cumprirase unha conmemoración importante. O 26 de xaneiro de 1973, fai case 50 anos, seis ilustres membros da Real Academia Galega, os profesores Vidal Abascal, Parga Pondal, Iglesias Iglesias, García-Sabell, Fraguas y Fraguas e Torres Enciso acordan a creación da Academia de Ciencias Galega e solicitan do Ministerio de Educación e Ciencia a autorización correspondente. Na súa visión clarividente conciben unha entidade con `fins científicos e sociais en beneficio da cultura galega´, unha visión que seguimos compartindo os membros da RAGC”.


        “Con recursos moi limitados pero con moita ilusión, o conxunto de académicas e académicos temos un soño: Promover a ciencia e a tecnoloxía e a súa influencia na sociedade, difundindo a cultura e valores científicos, creando opinión desde a independencia, para contribuír ao desenvolvemento social e económico de Galicia” -manifestou o presidente-. Nesta liña, indicou que “a través de conferencias, ciclos de estudo e publicacións, agora tamén distribuídas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, tratamos de achegar temas do máximo interese á sociedade. Recentemente abordamos as enerxías limpas, a loita contra o cancro, as estratexias fronte á Covid, o cambio climático ou avances en sistemas produtivos no sector agroforestal; actividades que contaron cunha asistencia de máis de 10.000 persoas nos últimos catro anos. Tamén cómpre salientar o noso recoñecemento ás traxectorias profesionais, a traballos científicos ou a accións de transferencia de tecnoloxía coas que pretendemos contribuír a esta integración ciencia-sociedade”.


      O presidente fixo referencia aos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, segundo os cales entre 2000 e 2021 Galicia experimentou un crecemento en PIB per cápita de máis dun 26%, o máis elevado de España. Galicia é hoxe a sexta comunidade autónoma en termos económicos globais e a décima en PIB per cápita, escalando sete posicións e sobrepasando a comunidades como Valencia ou Asturias. “Non obstante, este crecemento económico non se veu reflectido na evolución dos nosos indicadores científicos. Así, no estudo efectuado pola RACG o pasado ano constátase que Galicia está a perder posicións relativas con respecto a España, pasando da posición novena en produción científica per cápita en 2010 á décimo terceira en 2020. É notable a mellora da calidade e cantidade da nosa produción científica, pero este incremento non resulta suficiente para manter o nivel desexado. Por tanto, cómpre un esforzo adicional de todos os axentes implicados: universidades e centros de Investigación, Xunta de Galicia e Deputacións, empresas, sindicatos, partidos políticos e organizacións civís. E por iso propoñemos de novo a formulación dun Pacto pola Ciencia no que se implique o conxunto da sociedade, un compromiso moi amplo coa ciencia e a investigación que fora a base dunha política de país a medio e longo prazo, un pacto no que estamos dispostos a participar con entusiasmo” -concluíu o presidente-.

“Que a Intelixencia Artificial sexa o noso último invento depende de como o fagamos as persoas

      Senén Barro: No transcurso do acto, o académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC Senén Barro (As Pontes, 1962) impartiu unha lección maxistral baixo o título “Intelixencia Artificial: o noso último invento”. Na súa intervención salientou que “a intelixencia artificial é un dos campos científico-tecnolóxicos máis activos e cun maior impacto social e económico na actualidade”. Apuntou que “aínda que a intelixencia artificial comezou con intentos de modelar o pensamento humano como vía para avanzar tanto no coñecemento do noso cerebro como para desenvolver máquinas capaces de imitalo, a día de hoxe, despois de sucesivos períodos de luces e sombras, vivimos unha aproximación moito máis pragmática, que busca desenvolver sistemas que empregan a IA na resolución de problemas”.


      O académico puxo de relevo que “se ben non temos aínda unha forma de cuantificar ou medir a intelixencia dun dispositivo, en xeral podemos dicir que unha máquina ou programa informático posúe intelixencia [artificial] cando o sistema ten unha autonomía e riqueza de comportamento significativas en dominios dinámicos e complexos -un coche autónomo, por exemplo-, é capaz de aprender a través da experiencia adquirida sobre a contorna na que opera -un programa que mellora a medida que xoga ao xadrez ou que identifica os nosos gustos literarios mentres navegamos pola rede- e/ou presenta un alto grao de competencia en áreas especializadas do coñecemento humano -un sistema experto nun dominio médico ou para a concesión de créditos bancarios, por exemplo-“.


Senen barro

Senen Barro, @ Suso Rivas


       “A través da IA as máquinas xa son capaces de superarnos en moitos dominios ou tarefas concretas, non só físicas, senón tamén, e cada vez máis, as que requiren competencias cognitivas, como no recoñecemento de imaxes, no diagnóstico baseado en imaxes médicas ou sinais fisiolóxicas, na tradución entre linguas… e xa non digamos no xadrez ou en calquera outro xogo de estratexia” -salientou Barro-. “A intelixencia artificial interesa moito socialmente porque as súas capacidades son tantas, moitas aínda por construír e case todas por imaxinar, que levanta enormes expectativas e non poucas preocupacións. Pode que por iso sexan tantos os paradoxos, mitos, malentendidos, medias verdades e mesmo grandes mentiras que escoitamos e lemos en relación á IA e nos poden levar a especular que poida chegar a ser o noso último invento. Que chegue a selo, e sexa para ben, dependerá de como o fagamos polo camiño nós, as persoas”.


  • Toma de posesión da nova Comisión Executiva da RAGC


      Durante o evento tivo lugar ademais a toma de posesión da nova Comisión Executiva da Real Academia Galega de Ciencias. Mantense como presidente Juan Lema, como vicepresidenta Alicia Estévez, Pilar Bermejo na secretaría e Fernando Pérez como responsable de Publicacións e Relacións Sociais da Academia. O novo tesoureiro é José Ramón Cancelo, académico numerario da sección de Ciencias e Económicas e Sociais, que substitúe no cargo a Antón Álvarez, quen se fará cargo a partir de agora da presidencia de Sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC.


Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.