Axudamos ós nosos maiores, ou isto é un berro no deserto…..

|

Rosa Marinez 195

      Fai escasamente tres semanas, que nos levantamos con noticias sobre as persoas maiores da nosa comunidade autónoma, pero tamén da nosa provincia e da nosa cidade. Naquel caso,  a noticia era demoledora, Política Social dependente da Xunta de Galicia, recoñecía abertamente que tivera que aprobar por vía de urxencia atención para os nosos maiores,  para o ano 2021, que dita cifra estaba preto  dás 1.000 persoas, exactamente 968  destas persoas tiveran que asignárselles  unha praza nunha residencia pública, e 2 delas concedéuselle un servizo de atención diúrno .


Ditas cifras segregadas  por provincias quedaban da  seguinte maneira no ano 2021: 350 casos corresponden a Provincia de Pontevedra, 370 a Provincia de Coruña, 139 a Provincia de Lugo, 111 a Provincia de Ourense, isto no ano 2021, pero no que levamos do ano 2022 as cifras acadadas xa son preocupantes, xa estamos preto das 700 persoas, exactamente xa levamos 635 casos, que por provincias queda do xeito que sinalo: na Provincia de Pontevedra xa contan  con 209 casos, 265 na Provincia da Coruña, 75 na Provincia de Lugo, e 86 na Provincia de Ourense. 


     Tamén son coñecedora que dende o ano 2016 ata hoxe, os casos totais suman a cifra de 5.000 persoas ingresaron nunha residencia pública,  de seguir esta tendencia, no ano 2027 necesitariamos ter 5.000 prazas públicas a  maiores das actuais, ou sexa deberiamos crear prazas públicas e por suposto RESIDENCIAS PÚBLICAS en Galicia.


      En canto a datos oficiais, Galicia é a C.A con menor porcentaxe de prazas públicas en Residencias de Maiores, só un 41 %, e no resto de España a cifra sube ata un 62 % así o reflicten as cifras oficiais do IMSERSO, asemade, a rexión galega, situaríase entre as catro autonomías que non superan o 3 % de prazas en residencias por cada 100 persoas maiores, apesares de que a OMS  (Organización Mundial da Saúde) recomenda un 5 % de prazas, entre as comunidades que non cumpren, ademais da Galega, temos a de Murcia cun 2,27 %, a Comunidade Valenciana cun 2,77 %, e Canarias cun 2,84 %, e como ben dixen a Galega  conta soamente   cun 2,83 %.


     As causas de emerxencia dos nosos maiores, son moitos e moi variados, o meu modo de entender,   voume atrever a poñer un breve resumo dalgúns dos múltiples motivos; Os maiores que viven sos, por non ter familia, sobre todo, nas grandes urbes de Galicia, tamén non todos/as eles/as teñen recursos par poder vivir en Residencias de Maiores privadas (polo elevado prezo),  temos maiores con algún tipo de demencia, que non se deixan atender polos seus familiares máis directos, e prodúcese a claudicación familiar, e non podemos esquecernos cando existe risco para a vida destas persoas maiores. Como ben dixen no comezo deste paragrafo, existen moitas e moi variadas causas, daría para un estudo en profundidade na nosa sociedade,  e invito a sociedade e as nosas institucións a un estudo polo miúdo, que xa están a tardar.


    Fai escasas datas,  levántome novamente cunha noticia no mesmo senso, da de fai 3 semanas,  e insiste no mesmo que levo  comentando desde que comecei estas liñas,  as Residencias de Maiores na nosa provincia rexistran actualmente unha lista de espera de 350 persoas dependentes,  que precisan axuda para levar a cabo actividades comúns e básicas do día a día, isto tamén cos datos que manexa Política Social, da Xunta de Galicia,  séguese incidindo na falta de prazas públicas en estas instalacións.


      No caso de Ourense das 5.000 camas existentes en centros xeriátricos só 1.450 son de titularidade autonómica ou local, é dicir, apenas un 26 % do total. De feito o Presidente da Asociación Galega do Sector da Dependencia (AGASEDE) estima que o prazo de espera para acadar unha praza nestes centros de media aproximámonos  os 10 meses, e recorda que os prazos son moi importantes, xa que dende que se solicita ata que concedese a praza, a situación dos nosos maiores, agravase drasticamente, e remarca que non podemos deixar que isto siga pasando. Canta razón nas súas verbas, canto me recordou un pasado recente na miña familia, coa miña nai, cantas voltas me fartei de dar para conseguir  unha praza que o final foi nunha residencia privada,  as institucións están para algo máis que para esperar que os problemas dos cidadáns sexan  moi graves, teñen que adiantarse a ditos problemas, e mentres isto non aconteza,  algo estamos a facer mal, tamén eu aquí  teño parte de culpa (seguro máis pequena que outras persoas con máis responsabilidade)  xa que actualmente dedícolle o meu tempo a isto que chamamos política, iso si, en clave local.


     Despois de facer investigación sobre os problemas dos nosos maiores, creo que sería bo ter unha rede de Centros de Día, de titularidade pública, hoxe temos un centro de  adxudicación Municipal  polo Concello de Ourense, estoume a referir o  Centro de Maiores pertencente ao Centro Integral de AIXIÑA, Infraestrutura que atende fundamentalmente a maiores con distintas patoloxías, incido estes centros axudarían a paliar a soidade que moitos dos nosos maiores están a vivir, xa que permiten a moitos deles seguir vivindo nas súas propias casas, e poder compatibilizar con  actividades que axudan a socializar a súa vida, regresando a durmir a súa vivenda.


     Fai pouco tempo e durante esta pandemia, por elo,  case nos pasa desapercibido, púxose en funcionamento un Centro Interxeracional na Farixa,  promovido pola Fundación  Amancio Ortega, que conta cunha  gardería para nenos de idades comprendidas entre 0-3 anos, e un Centro de Día, para 80 persoas maiores, pero a súa xestión está encargada a unha empresa privada. Dado que a nosa cidade e provincia e tamén na nosa comunidade autónoma ten unha taxa de envellecemento moi alta,  superando a media galega que se sitúa no 25,16 %, cando Ourense acada o 31 %, creo que este dato ben merece unha reflexión rápida, que algo non estamos a facer as institucións


      Estes días, ante estas informacións, púxenme a investigar  e a comprobar moitos destes problemas que teñen os nosos maiores e as súas familias, un dos primeiros que me manifestaron é a necesidade de contar cunha oficina,  que tivese todo tipo de información,  onde atopar e a onde dirixirse cando temos os primeiros problemas cunha persoa maior, ó  necesitar  axuda para  desenvolvemento das  súas actividades diarias, coma calquera de nos, dende como xestionar a Dependencia, a onde temos que dirixirnos, ata cómo podo acceder a unha praza nun Centro de Día, si son públicos ou privados,   ¿si necesito unha praza nunha residencia?.  Temos prazas en  Residencias públicas ou  privadas, ¿como teño que facer?,   ¿onde se atopan as traballadoras sociais que van a valorar o meu nivel de Dependencia? Moita xente descoñece que podemos acceder dende o propio  Concello  as traballadoras sociais, ou as que se atopan nos  Centros de Saúde, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)  ou incluso  ¿como teño que facer para solicitar un taxi adaptado, ou tamén coñecido como Eurotaxi?.


       Esta última pregunta merece unha reflexión en profundidade, xa que durante un ano e medio,  a miña nai viviu na nosa casa, e ía todos os días un Centro de Día privado, víñana buscar todas as mañas ás 9:30 e traíana as 18:15, pero cada vez que iamos a algunha outra xestión persoal, como ir ó seu médico de familia, necesitabamos coller un Eurotaxi, e sempre que había xente na porta  do Centro de Saúde,  ao que pertenciamos a pregunta era recorrente,  ¿onde atopou vostede este taxi?, ¿cómo fixo?¿costa o mesmo que os outros taxis?, ¿pódeme vostede facilitar o número de teléfono? E unha longa ringleira de preguntas que me facían os que alí estaban.


     Este servizo público de Taxis adaptados o Eurotaxi é un tipo de vehículo que a súa adaptación require unha maior inversión que un taxi tradicional, o custo destes vehículos encarecese bastante, e a maiores o condutor require máis tempo para baixar o usuario que un taxi  “normal”, ata onde eu sei,  todos o podemos comprobar, incluso os concellos lles daban algunha subvención o final de cada  ano por manter este servizo, pero ¿onde esta dita subvención dende fai 4 anos? ¿Non existe, ou non se quere axudar a manter este  servizo  que se presta aos nosos maiores principalmente?

Despois de todas estas reflexións miñas, froito das miñas  vivencias persoais, e tamén de escoitar a persoas que teñen maiores nas súas familias,  deixarei reflexións é por si alguén me lee ou me escoita.


  • A Necesidade de que os nosos maiores poidan seguir vivindo no seu fogar, sempre que podan facelo e queiran, facendo políticas que redunden no seu beneficio.


  • Crear unha oficina de Atención ó Maior, no noso Concello que canalice todas as preguntas e informacións que necesitan todos os nosos/as veciños/as e as súas familias,  ó  chegar a idade de 65 anos.


  • Dotar a nosa urbe; dunha rede de Centros de Día, de xestión pública, reservando un espazo cando exista un equipamento de titularidade pública, ben da Xunta de Galicia ou do Concello de Ourense.


  • Facilitar polo Concello de Ourense, si fose necesario, a posta a disposición da Xunta de Galicia, de solo para a construción de Residencias Públicas, desenvolvendo Plans Especiais de Dotacións e Infraestructuras.


     Este berro no deserto o fago como dicía Carlos Blanco naquel monólogo no que se refería a Cataluña, por si alguén me quere escoitar……. , e quere facelo.


 (Reflexións dunha socialista que viviu en primeira persoa, moitas destas circunstancias que aquí expoño coa miña nai, e os transmito, por si axudan a outras persoas)

Comentarios