Casas de turismo rural e pisos turísticos

|

Afonso Vu00e1zquez Monxardu00edn

       Nada é simple. Unha simple moeda ten cara, cruz e canto. Se a vemos por un lado é unha cousa, se a vemos polo outro, outra; e se a vemos só canto pois a penas temos información nin perspectiva do conxunto. E se a unha moeda hai que darlle voltas para facernos idea dela, non lles conto á realidade das casas rurais e pisos turísticos. Pois arestora voulle dar unhas voltas ao tema enunciado no título, que para iso é.


       Creo que as Casas de Turismo Rural son moi boa cousa e os Pisos Turísticos, non. Case estou tentado a pensar que entrambas turran da realidade en direccións opostas. Non hai dúbida, para min, dos múltiples beneficios do sistema das Casas. De repente ofrécese a posibilidade de aloxamento nun medio rural que precisa como auga de maio a presenza de xente grazas á oferta por días de vivendas de distintas categorías, desde pazos a modestas casas con encanto, que doutro xeito acabarían abandonadas. E fano nun medio onde non entran en competencia con empresas de hostalería xa constituídas, pois nese rural non hai hoteis, hostais, pensións... As Casas facilitan o achegamento ao medio natural vivo a xentes urbanas e fan que se lle dea unha estima e aprecio ás formas de vida máis en contacto coa realidade física, social e histórica do rural. As iniciativas de Casas de Turismo Rural acaban achegando servizos para os clientes e para o conxunto dos veciños e contribúen a fixar poboación e dinamizar a economía das zonas nas que se asentan, xerando emprego, facendo que medre o gasto e a recadación impositiva de concellos e Facenda. Ademais, como son iniciativas particulares, os beneficios -igual que os riscos- están moi repartidos. Como ven, para min, non teñen máis ca vantaxes. Todos beneficiados, ningún prexudicado.


     Pero ai os Pisos Turísticos! Son obviamente, a outra cara da moeda. De repente, na paranoia ultraliberal bendicida polos gobernos de todos os signos, de que podo facer o que me pete coa miña propiedade, decido que en vez de alugarlle o piso por meses a unha persoa, familia, compañeiros, pois sácoo dese mercado e fágoo por días.


      Loxicamente, nas cidades de moita presión grazas ao abaratamento antiecolóxico dos voos de avión, chega un turismo perralleiro de grupos de amigos de desfase. Non só, por suposto, pero tamén. E nesas cidades onde mal que ben hai unha tradición de hoteis de varias estrelas, hostais, pensións, etc. aparece a realidade deses pisos por días que rompen, incluso, o mercado do alugueiro. A conta é fácil. Un piso con tres dormitorios, salón e un par de baños, nunha cidade turística, alugado a 150 euros ao día, interésalle moito ás seis persoas que se poden meter nel, pois sáelles a 25 euros noite. E se o tal está alugado os trinta días do mes, pois “empeta” o dono 4.500 euros. Problemas. Moitos e varios. O outro día queixábaseme un amigo de que lle puxera un piso destes porta con porta co seu, nunha casa de vivendas familiares en Ourense, e que estaba farto. 


     Desaparecidas as familias extensas -digamos, pai, nai e catro fillos, que por outra parte nunca viaxaron xuntas, fóra o verán- o perfil dos viaxeiros veciños é rapazallada co seu horario particular. Duchas e risas toda a noite, etc. etc. Pero sobre todo, evidentemente, os prexudicados son os mozos. Non para esa farra da escapada de amigos, senón para a parte seria da vida, para o acceso a unha vivenda estable. Unha persoa, mozo ou non, que cobre “normal”, de 1.000 a 2.000 euros, incluso algo máis, nunha cidade destas... que opcións ten de conseguir vivenda, máis ou menos céntrica? 


    E mentres distráennos con visitas de anciáns crápulas e con outras trapalladas que vostedes ben saben. Os problemas son os que son e non é preciso inventar máis.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.