​O fenómeno Tanxugueiras

|

CARNICERO 200 (2)

   Cada ano que hai unha convocatoria do Festival de Eurovisión compositores e grupos musicais póñense maus á obra para introducirse nun ámbito pseudomusical, pero moi mediático.


     A música europea case nada ten que ver co festival. Hoxe todo vai acompañado dun despliegue de luces e efectos especiais que deixan a canción nun rango moi inferior. A produción musical ten pouca importancia ante un espectáculo de impacto que as persoas e os países demanda.


            Por outra parte chama a atención que as linguas de cada país sexan noticia pola súa ausencia. Semella que se non hai frases en inglés, xa non vai triunfar a canción, ou o grupo, ou que sei eu o que realmente triunfa?. Os tempos nos que Israel gañaba cantando en hebreo xa son historia. Pero con todo, o grupo galego das Tanxugueiras apostou pola nosa lingua. Foi un acerto para que o galego floreza en Europa, e por iso mesmo non foi elexida. Xa na primeira eliminatoria o xurado non as quixo e o público emendoulle a plana. O que non sabían moitos é que o obxectivo xa estaba cumplido. Nas redes sociais as Tanxugueiras xa son fenómeno imparábel, pola súa cantiga Terra, na que incluíron sen complexos a lingua galega, uns excelentes arranxos musicais, unha coreografía impactante e uns efectos escenográficos que non eclipsan o grupo.


             As Tanxugueiras sufriron un trato discriminatorio por parte do xurado do Benidorm Fest, pero a realidade é que Europa non merece un grupo con tanta arte como as nosas galegas. Para o festival de Eurovisión han ir “chikilicuatres” para que se rían de todos eles. Lembren vostedes que este curioso e simpático representante de España, hai 14 anos, ficou na posición 16 con 55 puntos e cando actuou Remedios Amaya, déronlle 0 puntos. A andaluza deixara no escenario un arte que non entenderon os europeos e o mesmo pasaría coas nosas Tanxugueiras co seu tema galego.


            Por iso debemos parabenizar ás Tanxugueiras para que sigan adiante cunha carreira musical moi próspera, e expresarlle as grazas por lle dar a España a oportunidade de integrar as linguas minoritarias en Europa. Foi unha boa iniciativa para a súa promoción e tamén para a nosa Terra.

Comentarios