​A era virtual

|

CARNICERO 200 (2)

       Desde que as computadoras chegaron ás nosas vidas, toca vivir con elas ou morrer na marxinación. Todos os que renegan delas, perden a oportunidade de ollar pola xanela do coñecemento, oculta na rede a nivel internacional. O feito de coñecer persoas e culturas diversas, de compartir experiencias e situacións ou descubrir obxectos e documentos privados, que estaban esquecidos en caixós, armarios ou bauis, fai que o que se gana é moito máis do que se perde. Pero tamén se perde. E diso imos falar.


         Os que usan en exceso a informática, perden o prazer de tocar, manipular e experimentar coas cousas. Aínda coñezo a escritores que imprimen en papel os seus libros para as famosas “galeradas”. Outro exemplo é o de escreber unha carta. Cando temos necesidade de nos comunicar con alguén, de inmediato imos para o computador. Poucas veces son nas que tomamos unha daquelas plumas con tinta, papel e envelope. Xa non falemos de mercar un selo de Clase A, ou de levar a carta ao buzón de Correos. Xa sei, vostedes dirán que os tempos non están para esas andrómenas!. Teñen toda a razón. Pero por outra parte vexo que os alumnos que ocupan moito tempo cos seus xogos virtuais, perden o sentido da realidade. Na súa psicoloxía infantil está moi presente o sentido do tacto. Afastándoos deste sentido, é lles complicado expresar a súa afectividade e crean illas nas que viven sós, padecendo un isolacionismo propio do mito da caverna de Platón.


       Cando nas escolas desapareceu a especialidades de ciencias, os laboratorios convertéronse en almacéns de antigas reliquias. Pouco a pouco deixouse a práctica de medir cun calibre ou cun micrómetro. Agora caro lles costa tomar as medidas cunha regra en centímetros!, e cada cousa para o seu. Botamos de menos o recendo das aulas nas que o formol tiña a súa presenza. Pero hai máis. A investigación científica, que avanza na experimentación, xunto ao desenvolvemento tecnolóxico, debera ter unha adaptación práctica nas escolas. Temos o exemplo de GALICIENCIA. E noso currículo, fundamentado nas competencias clave, debera recuperar eses laboratorios aos que o alumnado ía motivado antes de cada clase.


     A era virtual é imparabel pero esta sociedade debera aproveitar o mellor dela. Non debemos esquecer nen desprezar as edicións de libros da nosa literatura galega, ou doutros temas propios. Tampouco afastarnos das coleccións dos nosos familiares, que con esforzo e dedicación fixeron para o seu tempo de lecer. Por moitos cambios que haxa, sempre será un erro rachar con todo. para comezar de cero. A innovación funcionará coma un eclipse da evolución das cousas, infravalorando o que temos.


      Miles de xoguetes chegaron este Nadal a moitos fogares. Nun vídeo viral no que os maiores escreberon unha carta aos Reis vese que pedían cousas inmateriais para os demais. Quizais algunhas nais e pais viron nese vídeo, que a emoción de dar é moito máis grande ca de receber. Que se conformaban con pouca cousa naqueles anos mozos. E que os nenos seguen a xogar mellor coas caixas dos xoguetes que co propio brinquedo. Non son cousas de nenos. É cuestión de que se poden golpear, rachar e tocar nesta nova Era; no que case todo é virtual.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.