Botella y copa de Licor Café casero, objeto de culto en la redacción de Vinos y Caminos, regalo de un inovidable amigo
Fai xa moitos anos, un indiano que retornaba as súas bisbarras dende a illa de Santo Domingo, chegou a Ribadavia no seu “Aiga”, de camiño para Leiro, berce dos seus ancestros, e aló atopouse cuns vellos compañeiros de esmorga que o convidaron a tomar unhas cuncas de branco de Arnoia que menguaron os pesos do americano. O remataren, xa ben cheo, colleu camiño cara a Leiro, namentres, o chegar a Beade, recolleu a dous curmans, por certo bastante leiláns, que estaban a espera do coche de línea, e no mesmo bar da parada trasegáronlle un feixe de xarras de tinto de Gomaríz. De xeito tal que, ca mistura do branco de Arnoia con tinto de Gomaríz, cando o indiano chegou a Leiro, onde estaban a face-lo augardente, con bagazo de Rioboo, esbarou no pote, e mergullouse co café colombiano e mailo sucre de Cuba que trouxera. A teima do aforro dos galegos impediu que tirasen o augardente, mais ó proba-lo, notáronlle un certo cheiro ó bravío do indiano, polo que conviñeron a engadirlle unhas cascas de laranxa. Velaí que aquela breaxe, fose a pedra filosofal de tan extraordinario elixir, que algúns atribúen por erro ou interese ós alquimistas.
A istoria foime trasmitida telepáticamente -un meio mais antigo que o "internet" ise do que agora tanto falan- pola ánima dun xenro do indiano que seica non se chegou a levar moi ben con él. Non se me revelou dato algún que poidese servir como identificativo do indiano. Coido que o tema debera ser tratado con mais profundidade, dando lugar cecáis a unha tese.
Compre sobreancear que o licor café, nembargantes de seren licor, posúe cualidades curativas de todo xeito: escaralla todo tipo de vermes, incluídos os virus, fai fuxi-lo demo e as bruxas malas, asomade esorrenta ás ánimas, atraendo meigas e trasnos. É un excelente afrodisiaco debidamente acreditado, pois bebido en cantidades axeitadas, fai perde-lo sono toda a noite, deixando a mente despexada para as brincadeiras amorosas.
Para facer hoxe un bo licor café debe percurarse elaboralo con augardente de bagazo de uva galega, que hai moitas e moi boas, cas doses axeitadas de café, coma o que ven da Colombia, e con xucre, que aínda que feito eiquí o sexa ó modo do da illa de Cuba, debe levar tamén unhas cascas de laranxa. Somentes pode faltarlle o cheiro de indiano, pois agora non os hai, dende que o Fraga comenzou a mándalle-las pagas para as Américas xa non e posible engadirlle tódolos ingredientes que tivo na orixe. Por iso pódese completa-lo con algún condimento segredo que sempre se debe percurar de algunha meiga amiga. Nembargantes se algún consegue un indiano, antes de esgota-lo producto, pode mergulla-lo nel, para recupera-la fórmula xenuina.
O producto, como é ben sabido, está incluido no réxime do contrabando, por algunhas normas regulamentarias que van en contra de ancestrais costumes galegas moi arraigadas que nos obrigan mais que a propia lei, e sempre que se produciron estas situacións o pobo respostou desobedecendo e facendo o que lle compría. E, de aí que a que agora lle chaman “desobediencia civil”, fose unha institución xurídica creada en Galicia.
Para dar cabo, desexo que as precedentes verbas, froito de basta investigación istórica, mais descuberta ao chou, poidan servir para esparexer moitas dúbidas do pacente lector, agardando namentres que a quen o beba lle gorente.
Escribe tu comentario