Camiñante, hai camiño

|

Uxia 135

Tal día como hoxe, alá polo 1919, as Irmandades da Fala marcaban o 25 de xullo oficialmente como Día da Patria Galega. Decisión na que participaban históricos galeguistas como Cabanillas, Risco ou Losada Diéguez, entre outros, e que se celebraría plenamente no seguinte calendario, xa marcado como Ano Santo.


A súa celebración en cada recuncho de Galicia quedaría freado coa dictadura de Primo de Rivera, que só recuperaría o seu carácter reivindicativo e festivo durante a Segunda República, e despois da dictadura franquista, durante a que quedaría relegado a unha tradicional misa por Rosalía de Castro na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval.


Despois de diversos actos reivindicativos e da constitución do goberno preautonómico no 1978, quedará fixado como Día Nacional de Galicia, non sen polémica dalgúns grupos políticos.


Sen dúbida foron momentos convulsos, e xa co Estatuto aprobado, instalábase unha data de afirmación da nosa galeguidade, coma ben apuntaba Ceferino Díaz.


Para nós, os galegos e galegas, é un día para celebrar que somos un país de verde pel, con cultura e identidade propia, herdada de reis sabios e de poetas capaces de converter a ausencia nunha fermosa arte literaria, expresada no  noso idioma, nacido para a expresión falada e para as letras, hai máis de mil vinte primaveiras.

É esta unha terra á que conducen sete camiños polos que chegan xentes de toda condición e sentir...

É esta unha terra á que conducen sete camiños polos que chegan xentes de toda condición e sentir, que este ano homenaxeamos e que convirten a Santiago de Compostela en centro de peregrinación, feito que se remonta ó ano 1122, coa decisión tomada polo papa Calixto II.



Un pulo importante farase polo Goberno a través do Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22. Un proxecto que quere impulsar os distintos Camiños de Santiago como producto patrimonial e cultural en todo o territorio nacional, cunha inversión superior ós 121 millóns de euros, que se financiará cos Fondos europeos Next Generation.


Galicia é unha terra única, capaz de combinar o moderno co máis enxebre. Terra de xente afable que contrasta sempre cos abruptos cantís. Galicia é morriña cando estás lonxe. Galicia ten que deixar atrás o seu abandono, e ser PATRIA, en honor ó reino que un día foi.

 “Ningún idioma alleo, por ilustre que sexa, poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e gracia do idioma.” Castelao


Este lar do noroeste é pura esencia, por iso cada 25 de xullo ofrendamos a un ilustre abanderado da nosa lingua, Castelao. E remato co seu sentir, cunha das citas máis relevantes: “Ningún idioma alleo, por ilustre que sexa, poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é máis que por obra e gracia do idioma.”




Comentarios