A fe

|

CARNICERO 150

     Case sempre que escoito falar da fe teño a sensación de que poucos coñecen a súa definición. Non me refiro a diferentes sinónimos ou acepcións que podamos darlle. Estou a falar da simplificación relixiosa que fan algúns dicindo que a fe é crer o que non vimos. Falamos máis de perder a fe, que de ter fe en algo. Non temos fe no tempo futuro, nen na melloría das cousas. Non temos fe no cambio positivo das persoas e xa queda pouca fe na terra. Buscamos a fe no plano da espiritualidade pero case sempre se pospón o tema para outrora.


            A fe é un concepto ben definido pero pouco divulgado. O autor da carta aos Hebreos fala da fe en todo o capítulo 11, con exemplos ao longo da historia sagrada. Así a certeza e a esperanza forman parte integral da fe. Non se reduce a unha simple crenza baseada na imaxinación das persoas. A fe ven polo ouvir, e ao ouvir a Palabra de Deus. Se escoitamos antes ás persoas que a Palabra de Deus a nosa fe non ten valor ningún. Pero por desgraza, por abuso da linguaxe, identificamos acreditar en alguén con ter fe nesa persoa. Son parámetros distintos e ao mesmo tempo complementarios no caso de Deus. Acreditamos nel se temos fe nel. E sen fe é imposíbel agradar a Deus, porque é preciso que o que se achega a él, acredite na súa existencia. Esa existencia e tan evidente como indemostrábel e a propia Biblia non perde o tempo en tentar demostralo. Simplemente o da por suposto. E resulta curioso que todos os que tentaron demostralo teñen fracasado, pois dependía dunha fe que deixaron fora dos seus argumentos.

            

          Se a fe move montañas non é maior en cantidade da que non as move. Esta expresión metafórica significa que a calidade de fe depende de cadaquen que a exerce. Non se refire á cantidade. O mellor exemplo é a semente do grao de mostarda, de gran cualidade  que sendo a máis pequena de todas as sementes, nasce dela unha árbore na que as aves poden fazer niños. Con esa fe auténtica o poder de realizar cousas non se limita a ter superpoderes terrenais, máis ben quere falarnos das espirituais. Con todo, a maior fe neste mundo non é máis que un ruído intenso, se falta o amor.

           

           Moitos perderon a pouca fe que lles quedaba cando a relixión pasou polas súas vidas. A relación coas relixións fixo que pensaran nun Deus vingativo, oscuro e sancionador. Despois desa experiencia, acolléronse ao novo termo chamado agnosticismo. Un eufemismo do ateísmo de sempre, pero que soa mellor. En fin, penso que podemos rematar coa definición que comezamos e non enunciamos: “a fe é a certeza do que se espera e a convicción do que non se ve”. Esa fe é o instrumento para alcanzar a graza de Deus. Esa mesma fe non pode ser teórica e ten unha parte práctica que se manifesta cada momento das nosas vidas.

Comentarios