O insulto

|


CARNICERO 200 (2)

No transitar dos tempos as palabras mudan e as que antes eran descritivas, son agora ofensivas. Non quero poñer exemplos para non empregalas nen na escrita. Esas palabras que ofenden na actualidade, comezan a ser de uso normal  e acotío escóitanse en persoas supostamente importantes. Todos lembramos ao premio Nobel de Literatura que quixo dignificar as coprolalias que saían da súa boca. Esas mesmas maledicencias tamén teñen relación cos insultos.


Os insultos teñen a súa utilidade cando faltan argumentos para defender as teses propias. Lembro un pésimo discurso dun atrevido que non tiña formación, no que había tantos erros que aquelo era pura fantasía. Ao remate dixo que se houbese algo erróneo que se lle dixese ao final da exposición. Moitos empregaron o insulto para dicer que aquelo non tiña nen pes nen cabeza. Outros calamos. Pero penso que nen neses casos, nos que sen capacidade nen horas de estudo, buscan os parabéns gratuitos do público, o insulto está xustificado. A razón é que non aporta nada positivo a ninguén, salvo a ególatra sensación persoal daqueles que pensan en si mesmos.


Hai uns cinco meses escribín un whatsapp a un amigo, para mostrarlle o meu apoio ante os insultos que recibía nas redes sociais. Lonxe do seu perfil público ou da súa ideoloxía, nada xustificaba o xuizo sumarísimo por parte dalgún resentido e dos seus seguidores. Logo souben que o que emitía os improperios obtivera a súa atención e consideración. Os intereses mudaran, como os tempos, as palabras e as sazóns, e a lealtade e a honestidade xa non contaba.


Nas clases de lingua española todos os estudantes aprendemos a insultar, empregando recursos estilísticos. Tentarei explicarme. Ninguén pode denunciarte ao empregar unha metáfora para falar dalguén. Por iso que se vemos unha persoa nun restaurante comendo moito e dicimos que é un león comendo, calquera pode pensar nun insulto. E ninguén pode demostrar se realmente o é ou non. Esta vía de escape para insultar recebe un rexeitamento por parte da sociedade, pero é moi contaxiosa e vai minando as bases éticas de calquer colectivo. Cando nos anos 90 os imputados por casos de corrupción insultaban a xuices e fiscais, parecía que non pasaba nada. Poren a xustiza mantíñase firme nos procesos abertos e non actuaba sobre eses insultos concretos, para non paralizalo todo por ser recusados. Os que insultaban, xogaban co tempo e preferían incurrir nunha falta a que continuara a instrución xudicial habitual.


O mellor remedio ante o insulto é ignoralo.  Como decía Moliere “Un home sabio é superior a cualquer insulto que se lle diga, e a mellor resposta a un comportamento ruín é a paciencia e a moderación”. Paciencia sompre, pois detrás do insulto agroma a incultura.

Comentarios