A soidade

|

Carnicero

 "Una persona puede sentirse sola, aún cuando mucha gente la quiera”, Ana Frank

 O tema que hoxe nos ocupa é tan vello como a vida. A mesma que nos leva a vivir ou sobrevivir en sociedade. O que acontece é que  poucos queren falar da soidade cando é un mal común a todos. Tratamos de tapala con paradoxas e exemplos, e non interesa profundar nas causas da súa existencia. Ás veces úsase como arma de vinganza e noutras ocasións chega por intereses persoais espurios. Tamén pode ser resultado dunha percepción individual; así decía Ana Frank ao afirmar que : "Una persona puede sentirse sola, aún cuando mucha gente la quiera”, xa que se non hai presenza física o sentimento de soidade agroma sen moito esforzo. Nos proverbios topamos un versiño que fala de que é mellor ter ao veciño perto de nós que ao irmao lonxe, porque ante calquera necesidade, os lazos de sangue non valen gran cousa.


            A soidade ten asociadas varias características nas que debéramos por atención. Nestas datas do Nadal hai que xuntar a familia aínda que non exista boa sintonía durante o resto do ano, pero mostrar a soidade aos que nos miran, pode ser máis molesto que aturar ao cuñado de turno. A soidade é compañeira da tristeza, cando existe impedimento para acompañar aos que queremos de corazón.  Non podo imaxinar a dor de non poder despedir ao ser querido que finou só, pola pandemia que nos asedia. E non quero esquecer a todos aqueles que seguen rodeados de soidade, nas residencias de maiores, ao non poder receber visitas dos seus. 


            Mario Benedetti decía que a maioría das veces non choramos pola razón que choramos, senon polas veces que non choramos o que tiñamos que chorar. Penso que cando nos cargamos en exceso de soidade, hai momentos que estoupamos coma un foguete das festas, e despois de pasar un tempo, aprendemos a canalizar os sentimentos e as actividades sociais. Algúns queren ocultarse no traballo, outros buscan retornar a antigas coleccións, que por falta de tempo deixaran de lado. Con todo, a maioría vai superando a fobia ao rexeitamento social, e buscan refuxio nalgún grupo cultural, ecoloxista ou relixioso. Achegados a estes colectivos é habitual ver como agroman as envexas, a loita polos cargos e as ansias de poder. Daquela aparece de novo a soidade individual ao non ser querido pola comunidade e comeza de novo a búsqueda quimérica dun estado no que a soidade esté prohibida, ou non teña razón de ser.


           Lembro moitos persoaxes que estiveron sós durante moitos anos, sufrindo inxustizas, loitando polos dereitos dos demáis e ofrecendo as súas vidas por un obxectivo digno de encomio. Non citarei ningún nome. Mais teño pena de descoñecer a tantas mulleres anónimas que levantaron países coma o noso, co seu traballo diario, cunha boa administración dentro do pouco que tiñan e coa valentía de sacar adiante aos seus fillos nun mundo de homes, que non sempre valorou o seu facer. A soidade desas mulleres caeu sobre os seus propios ombreiros, sen queixas, sen salario e sen bagoas. Hoxe seguen sen nome, pero sabemos que na soidade das aldeas, no silenzo dos eidos e no lume das lareiras conservaron a nosa lingua perseguida e isolada polos invasores (que até cortaron as oliveiras). Nunca é tarde para nos lembrar delas. Rosalía tamén o fixo no seu fermoso poema: Tecín soia a miña tea/ sembrei soia o meu nabal,/soia vou por leña ó monte,/soia a vexo arder no lar


           So me quedan palabras de agradecemento, por tanto, por salvar a nosa lingua galega, que sendo “materna” chegou, como diría Alonso Montero, a seres tamén “paterna”. E aos que seguen a sufrir a condena da soidade, de calquer especie, deben  saber que non son os únicos, e só loitando xuntos,en unidade, afástase para sempre a soidade. 

Comentarios