No Museo con…

Luis Javier López, sumiller de Adegas Martín Códax

|

  • Luis Javier López Facorro (A Coruña, 11-XI-1990) recibiu ao século XXI con apenas dez anos, pero sen dúbida será das persoas que máis terán que dicir no mundo do viño galego durante esta centuria.


Luis Javier IMG 7750 (1497

"Sabiamos que tiñamos unha cultura do viño galega, pero agora  sabemos que hai que  ensiñarlla ao resto do mundo”

Na súa visita ó Museo do Viño de Galicia, na localidade ourensana de Ribadavia, marida maxistralmente o pasado e o futuro dos caldos galegos, irradiando  a vibrante e moderna visión enolóxica dun mozo  que pasea por una parte  da nosa historia. “Sabiamos que tiñamos unha cultura do viño galega, pero agora  sabemos que hai que  ensiñarlla ao resto do mundo”, proclama. 


Con márketing e sumillería de formación, ten un currículum con media ducia de entradas pese á súa desafiante xuventude. Percorre o Museo admirando o pasado da presencia dos viños galegos no mundo, pero sabéndose parte dun mañá  que ratifica o seu recente nomeamento como sumiller de Adegas Martín Códax. Na rectoral de San Andrés de  Camporredondo, herdeira do feito Xacobeo, afirma orgulloso que  “os viños de Rías Baixas son, xunto co Camiño de Santiago, uns magníficos embaixadores de Galicia”.


P.- ¿Que posgusto che deixa a visita ao Museo do Viño de Galicia?


R.- A dunha gran acción didáctica, na que se ven representadas todas as denominacións de orixe galegas , imprescindible para que a xente saiba cales son as nosas zonas vinícolas, e a potencialidade de cada unha. Encántame a explicación dos solos,  a parte interactiva cos aromas, e entolecín coa adega, unha verdadeira adega histórica onde se pode apalpar e cheirar a historia do viño de Galicia.


P.- Pertences, prácticamente, á primeira xeración de sumilleres galegos do século XXI 


R.- Si, probablemente a miña xeración chega nun momento moi bonito para Galicia… Nun momento no que a tecnoloxía avanzou moito, e nós nos incorporamos con ela. Tamén somos os primeiros centrados no enoturismo: sabíamos que tiñamos unha cultura do viño galega, pero agora sabemos que hai ensiñarlla ao resto do mundo.  


P.- Dende a ilusión do teu novo posto nunha das marcas máis emblemáticas de Rías Baixas, ¿Como ves o seu papel como transportadores da cultura galega?


R.- Coido que as nosas marcas, os nosos varietais e a denominación de orixe que os fai posible son uns magníficos embaixadores da marca Galicia. Como o Camiño de Santiago, son unha representación fantástica da cultura galega, da nosa historia tamén, e da nosa proxección internacional no futuro.


P.- Como nos conta o Museo, hai séculos Galicia xa foi unha gran exportadora internacional de viños. ¿Cres que o pasado nos marca o camiño a seguir?


R.- Temos que recuperar todo o que en seu día se fixo ben, e que se perdeu por culpa de guerras ou de situacións históricas. Hoxe en día, gracias os magníficos empresarios do viño galego, estamos empezando a recuperar aqueles grandes mercados europeos e americanos.


P.- ¿Cal é a peza que máis che chamou a atención no Museo?


R.- Os pipotes con formas adecuadas para o seu transporte en carro polos camiños, que nunca vira en persoa, e que deron orixe as grandes rutas de arrieiros polo interior de Galicia. E o túnel do viño, moi didáctico e entretido, pero sobre revelador de aspectos descoñecidos sobre as castes das denominacións de orixe galegas


Luis Javier Lu00f3pez IMG 7753 1536


  • CUESTIONARIO PROUST:



P.- ¿UNA MANÍA SOBRE O VIÑO?

R.- Coller ben a copa sempre.


P.- ¿MARIDAXE SI, OU MARIDAXE NON?

R.- Depende do momento.


P.- UN LIBRO SOBRE VIÑO.

-A guía de viños e augardentes de Galicia.


P.- UNHA VIAXE PARA DESFRUTAR DO VIÑO.

R.- Burdeos.


P.- UNHA FIGURA HISTÓRICA COA QUE TOMARÍAS UN VIÑO.

R.- Hildegarda de Bingen. A precursora do lupulado na cervexa, pero tamén música e erudita. E santa. Encantaríame tomar un viño con ela. Adoro a esa muller por pioneira.


P.- ¿E ACTUAL?

R.- O meu pai. (Luis Paadín, sumiller e editor)


P.- ¿UNHA CANCIÓN PARA ESCOITAR CON VIÑO?

R.- -A obertura 1812 de Tchaikowsky.


P.- E SE POIDERAS FACER UN PAZO NUNHA VIÑA, ¿ONDE A FARÍAS?

R.- Sen dúbida, na Ribeira Sacra. 

Comentarios